O luns 28/2 os alumnos de 1º de BAC e algúns profes escollidos entre o mellor de cada casa tivemos a inmensa sorte de asistir á representación da obra de Lope de Vega
El caballero de Olmedo que a compañía vallisoletana
Teatro Corsario trouxo de xira ata o teatro Rosalía de Castro de A Coruña.
Cremos que non nos equivocamos se decimos que a actividade non defraudou a case ninguén. O bo facer dos actores desta estupenda compañía (algúns dos cales os tedes nesta foto de Luis Laforga) fíxonos pasar unha hora e media magnífica mergullados no ambiente das comedias do século de ouro e ós cinco minutos a ninguén lle resultou unha "dificultade" que os actores falaran en verso, coa teima que lle teñen algúns sempre "ó que está en verso".
Está claro que o teatro, máis que para lelo, está para velo e disfrutalo en vivo que é como se aprecian todos os seus matices. A obra de Lope é unha das lecturas "obrigatorias" deste curso, pero estamos seguros que vai ser unha das que lembredes con maior agrado.
Deixámosvos cuns vídeos da compañía Teatro Corsario e cun fragmento da obra para que vos animedes e vos afeccionedes ó teatro, que, as máis das veces é ben máis divertido que o cine.
Nós xa estamos agardando pola seguinte...e algún entrenando, que se fai falta para a próxima vai correndo detrás do bus ata A Coruña con tal de non perdela...