Queremos facer desde aquí un pequeno homenaxe aos mitos e lendas que conformaron a nosa cultura durante moitos séculos e que seguen sendo parte fascinante do noso mundo a pesar dos novos e inconsistentes ventos que sopran. Deixamos aquí un enlace cun programa emitido en RTVE. Prosit!!!
Novidades en banda deseñada
Na nosa última excursión ás librerías (para rematar co presuposto deste curso) mercamos varios Narutos, que tanto éxito teñen entre algúns de vós, pero tamén dous libros que nos parecen imprescindibles:
- Enrrugas, de Paco Roca. Segundo as súas propias palabras fixo esta historia polos seus pais; quería falar sobre a vellez das persoas, as residencias de anciáns e o Alzeimer. Un tema ante o cal a sociedade actual pecha os ollos.
- A guerra de Troia. Este é un novo cómic de Marvel, con guión de Roy Thomas e debuxos de Miguel Sepúlveda.É unha versión sui generis da guerra de Troia na que aparecen retazos argumentais da Ilíada, da Odisea e doutras obras na literatura grega, perdidas hai tempo, que nos contaban outros aspectos relacionados co antes e o despois da guerra. Este é un libro moi axeitado para achegarse aos inicios da literatura clásica. Confiamos en que vos guste.
Oh deusa! canta a cólera de Aquiles Pelida...
Así empeza a "Ilíada". E para que vexades como un libro é un clásico, avisamos que recén se publicou unha recreación dun fragmento desta obra; nada máis e nada menos que 2800 anos despois de ser escrita! O autor é David Malouf; o libro é "Rescate". Aínda que só sexa como curiosidade xa estamos desexando lelo. O autor, un dos escritores máis relevantes da literatura australiana, fascinado pola figura de Aquiles, quere contar todo sobre a súa lenda, o seu destino e a súa relación con Príamo (pai de Héctor, heroe morto por el). Deixámosvos cunha ligazón de cadros con esta temática...
P.S. Se queredes información apasionada pero veraz de cal é o legado de Grecia, non vos perdedes este enlace...
O martes 13 de marzo estivemos moi teatreiros
Así foi. O martes 13 de marzo os IES de Carballo (Parga e Brañas) acudimos ás xornadas de teatro grecolatino en Lugo. E que ben o pasamos e canto aprendimos!!! Houbo de todo como en botica: Electra pola mañá e Aulularia pola tarde. Traxedia e comedia xuntas e revoltas, como na vida mesma. Deixamos algún documento gráfico bastante defectuoso; non axudaban as carencias tecnolóxicas nin os xogos de luces...
Algunhas novidades

Aínda que hai moitas novidades sen comentar nestas últimas semanas, gustaríanos destacar algunhas delas hoxe:
-"El héroe", un cómic do galego David Rubin, unha novela de acción que proba que a antiguidade clásica casa á perfección co mundo actual. Non se trata de transpoñer os traballos de Heracles á banda deseñada, senon de contar as aventuras dun superheroe sen medo a ecos antigos.
-"Greek street" : As traxedias da Grecia clásica no caótico barrio do Soho londinense. Xénero negro con tintes de terror mesturando o antigo e o moderno. Un relato durísimo, cruel ás veces, sen concesións á galería e non apto para todos os públicos. Milligan demostra que a esencia das historias non cambiou desde a Antigüidade e faino deslumbrando.
-"Muerte en Estambul"
-"El accionista mayoritario"
-"Noticias en la noche",
-"Defensa cerrada": todas novelas de xénero negro nas que o protagonista é o comisario grego Kostas Jaritos. A súa acción é trepidante, o seu protagonista entrañablemente mediterráneo, e a súa ambientación na Grecia actual, impecable. Moi recomendado para todos os curiosos.
Aínda que quedan poucos días para o remate do curso, lembrade que todo isto quedará na vosa Biblioteca esperando para ser descuberto por vós.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)
















