ÚLTIMAS ENTRADAS

O problema de xadrez de hoxe

Play online chess

SÍGUENOS

favoritos

KEN FUN

O pasado venres día 20 celebramos a festa de graduación dos alumnos de 2º de Bacharelato. Este ano quixemos que fose algo especial xa que ademáis coincidía na semana do Día das Letras Galegas. Como conxugar nun mesmo acto os discursos cerimoniosos, a presencia ominosa dos pais, a morriña polas aulas e as vivencias que deixamos atrás, os nervos de estar ás portas da idade adulta... cos tacóns de 30 centímetros, os quilos de laca sobre as cabezas, as garavatas recén estreadas oprimindo os gañotes untados de clearasil... e a figura transgresora de Lois Pereiro...?


Difícil, si... pero nada imposible para Bibliotecalandra. A idea veunos á cabeza cando descobrimos que o propio Lois fora un dos tradutores para a TVG de Kung-Fu, serie de culto nos anos 70 (do pasado século). Nós, con todo o respecto e a admiración que sentimos por tan grande poeta, fixemos a nosa propia versión cuns protagonistas moi especiais, que nos trazan un debuxo do que puido ser a traxectoria escolar de calquera dos que estaba o outro día no acto, ata o punto de contarnos en primeira persoa "Ken Fun" durante os seus anos no Parga. Velaí vai o vídeo. En realidade son dous, ó final deste aparecerávos a ligazón á segunda parte.



Se queres gardar unha copia do vídeo completo, podédela DESCARGAR desde aquí (aprox. 260 MB). Se usas Firefox ou Google Chrome, tes que pinchar co botón dereito do rato e escoller "Gardar ligazón como..."

En realidade a idea non foi de todo orixinal nosa, senón que lla copiamos a un profe dos Escolapios da Coruña, amigo da biblio, que xa ten feito máis cousas destas, como podedes ver no seu blog.

E se aínda non tedes dabondo, nesta outra ligazón tedes algunhas FOTOS do acto, a previa e "o terceiro tempo"...

Visita de Mar Guerra

Grazas ó Departamento de Galego e ó Equipo de Dinamización Lingüística este mércores 25 tivemos o pracer de contar coa escritora e xornalista Mar Guerra. Os alumnos de 1º da ESO pasáronno en grande nunha charla que resultou moi amena e cercana. Nela xogamos coas palabras e descubrimos se Xenaro, o protagonista de varios dos seus libros, ten cousas en común coa propia escritora ou cal era a verdadeira vocación da xornalista... se vos pica a curiosidade, preguntádelle ós asistentes.

Máis actividades da IV Semana das Matemáticas


O xoves 12 para celebrar o Día Escolar das Matemáticas, Julio Rodríguez Taboada veunos contar un conto ós alumnos de 3º da ESO. Julio Rodríguez é profesor de matemáticas no CPI de Rois e ten publicado un libro chamado "Un conto xeométrico" que podedes coller na biblioteca.

Esa mesma noite ás 20:30 veu Pedro Pablo Campo Díaz a darnos unha charla sobre o Sistema Solar, e cos alumnos que quixeron quedar fixemos unha observación telescópica a partir das 22:00. Pedro Pablo Campo é astrónomo no observatorio astronómico "Ramón María Aller" da Universidade de Santiago de Compostela.

As fotos da lúa que se sacaron grazas ó telescopio son moi boas e poderían servir perfectamente para ilustrar unha enciclopedia, non credes?




IV Semana das Matemáticas no IES Parga Pondal

Coincidindo co Día Escolar das Matemáticas, o 12 de maio, o Departamento de Matemáticas organiza cada ano no noso centro a Semana das Matemáticas que este curso se desenvolveu do 9 ó 13 de maio. A Biblioteca fixo algunha pequena colaboración.

As actividades que se levaron a cabo foron:

  • O 7º concurso de fotografía matemática, este ano dedicado ás "Matemáticas na Moda"
  • A 4ª xincana matemática, que consiste en resolver probas de cálculo, lóxica e búsqueda de información.
  • Exposición con A de Astrónomas
  • Xogos didácticos durante os recreos
  • Proxección dunha película relacionada coas matemáticas nos recreos
Para que vexades o divertidas que poden ser as matemáticas aquí vos deixamos ás fotos que fixemos destes eventos.



Día das Letras Galegas 2011


Somentes
intentaba conseguir
deixar na terra
algo de min que me sobrevivise
sabendo que debería ter sabido
impedirme a min mesmo
descubrir que só fun un interludio
atroz entre dous muros de silencio
só puiden evitar vivindo á sombra
inocularlle para sempre a quen amaba
doses letais do amor que envelenaba
a súa alma cunha dor eterna
sustituíndo o desexo polo exilio
iniciei a viaxe sen retorno
deixándome levar sen resistencia
ó fondo dunha interna
aniquilación chea de nostalxia.


Hoxe celebramos o Día das Letras Galegas e este ano está dedicado ó poeta monfortino Lois Pereiro. Os da biblio fixemos dous libros LIM para que poñas a proba os teus coñecementos sobre os escritores galegos e acerca do poeta do Grupo de Amor e Desamor.

Cuestionario sobre os escritorios homenaxeados nas Letras Galegas

Coñeces a obra do autor deste ano?

E unha imaxe alternativa

"Cuspídeme enriba cando pasedes por diante do lugar onde eu repouse, enviándome unha húmida mensaxe de vida e de furia necesaria"

Día de Europa

Hoxe é o día escollido para recordar a idea de Europa. Mitoloxicamente falando, Europa era unha raíña fenicia da cal se prendou Zeus e aproveitou a súa capacidade de metamorfosearse en touro para unirse a ela e enxendrar a Minos e Sarpedón. Pero Europa é algo moito máis complexo e rico; é unha noción xeográfica, política, económica, lingüística ...que bebe dunhas fontes comúns e non despreza novos manantiais. Coma sempre, recomendamos achegarse á biblioteca e coller os libros, os discos e as películas relacionados co tema (dun xeito ou outro, son moitísimos).

Reunión do Club de Lectura

O vindeiro venres 6 de maio ás 11.30 faremos unha reunión na que falaremos do libro que vamos ler este trimestre e outras cuestións que nos resulten de interese. Quedades invitados todos os grumetes.


E aquí tedes unha presentación sobre o libro e o seu autor:

Sábato


“O oficio de vivir é tan complicado que leva moito tempo aprendelo, e cando un empeza a saber algo, tócalle morrer”; isto pensaba o escritor arxentino que nos deixou o pasado sábado aos 99 anos. Era un dos Grandes, así, con maiúsculas. Non o encasillaremos en ningures, porque el mesmo definía a súa postura como escritor co símil dun guerrilleiro; tan só podemos darlle as grazas polos valiosísimos regalos que nos fixo: "El túnel", "Abaddón el exterminador" e "Sobre héroes y tumbas" co sobrecolledor “Informe sobre ciegos”(por certo, témolos á vosa disposición na biblioteca). O mundo queda un pouco máis confuso sen el, como cando se marchan os seres extraordinariamente lúcidos e brillantes, pero quédannos as súas poderosísimas palabras. Descansa na paz que tanto che custou atopar, Sábato.
ir arriba