ÚLTIMAS ENTRADAS

O problema de xadrez de hoxe

Play online chess

SÍGUENOS

favoritos

GRADUACIÓNS 2016

O día 20 de maio tivo lugar a cerimonia de graduación da promoción 2010-2016. Como sempre foi un acto cheo de emocións no que, por suposto, sacamos a relucir as nosas mellores galas.

Pero se todas as cerimonias de graduación son emotivas, esta o foi especialmente para Biblioteca Landra xa que o padriño da promoción, que fixo un discurso cheo de humor e de sentimento, é un dos membros máis relevantes do noso equipo de biblioteca. E sobre todo porque esta promoción formou parte de nós coma ningunha outra, participando en todo o que lles propuxemos (Concurso Sabías Que, Club de Lectura, Torneo de Xadrez, Teatro, Relatos...) e transmitindo un entusiasmo e unha alegría que nos animou a poñer en marcha novas actividades. Creamos uns lazos convosco que fixo que fósedes unha peza fundamental da nosa biblioteca, ides deixar un enorme baleiro nela.

Deixámosvos unha galería de fotos do evento para que lembredes o voso paso polo centro, nós non o esqueceremos nunca. Moita sorte a todos e os mellores desexos desde Biblioteca Landra.



Neste enlace tedes todas as FOTOS

E na nosa canle de YOUTUBE os vídeos dos discursos e entrega de diplomas e bandas.


Graduacións 2008-2014

O pasado venres 23 tivo lugar a cerimonia de graduación da promoción de Bacharelato 2008-2014. Coma sempre foi un acto cheo de emoción e sobre todo ilusión, onde eles e elas apareceron radiantes coas súa mellores galas. Deixámosvos cunha galería de fotos do evento para que lembredes toda a vida o voso paso polo centro e para que nós non vos esquezamos nunca. Moita sorte a todos e os mellores desexos desde a biblioteca.




Tamén vos deixamos os vídeos co discurso dos alumnos e o do "padriño" da promoción. Estamos a espera de poñer tamén o do director, pero é que non dá procesado.





KEN FUN

O pasado venres día 20 celebramos a festa de graduación dos alumnos de 2º de Bacharelato. Este ano quixemos que fose algo especial xa que ademáis coincidía na semana do Día das Letras Galegas. Como conxugar nun mesmo acto os discursos cerimoniosos, a presencia ominosa dos pais, a morriña polas aulas e as vivencias que deixamos atrás, os nervos de estar ás portas da idade adulta... cos tacóns de 30 centímetros, os quilos de laca sobre as cabezas, as garavatas recén estreadas oprimindo os gañotes untados de clearasil... e a figura transgresora de Lois Pereiro...?


Difícil, si... pero nada imposible para Bibliotecalandra. A idea veunos á cabeza cando descobrimos que o propio Lois fora un dos tradutores para a TVG de Kung-Fu, serie de culto nos anos 70 (do pasado século). Nós, con todo o respecto e a admiración que sentimos por tan grande poeta, fixemos a nosa propia versión cuns protagonistas moi especiais, que nos trazan un debuxo do que puido ser a traxectoria escolar de calquera dos que estaba o outro día no acto, ata o punto de contarnos en primeira persoa "Ken Fun" durante os seus anos no Parga. Velaí vai o vídeo. En realidade son dous, ó final deste aparecerávos a ligazón á segunda parte.



Se queres gardar unha copia do vídeo completo, podédela DESCARGAR desde aquí (aprox. 260 MB). Se usas Firefox ou Google Chrome, tes que pinchar co botón dereito do rato e escoller "Gardar ligazón como..."

En realidade a idea non foi de todo orixinal nosa, senón que lla copiamos a un profe dos Escolapios da Coruña, amigo da biblio, que xa ten feito máis cousas destas, como podedes ver no seu blog.

E se aínda non tedes dabondo, nesta outra ligazón tedes algunhas FOTOS do acto, a previa e "o terceiro tempo"...
ir arriba