ÚLTIMAS ENTRADAS

O problema de xadrez de hoxe

Play online chess

SÍGUENOS

favoritos

DÍA DO LIBRO 2014


Un ano máis queremos celebrar o Día Internacional do Libro. E que mellor maneira de facelo que invitarvos a disfrutar da lectura dun dos libros que temos na nosa biblioteca, ben sexa unha das últimas adquisicións ou un clásico de sempre.


Ademais se pasades hoxe pola biblio podedes recoller un pequeno agasallo que temos para vós.


Día do libro 2013: Historias de onte e de hoxe

A nosa biblioteca decidiu homenaxear aos mitos clásicos neste día do libro de 2013. Hai centos de historias que se contaron durante miles de anos e que, nun principio, foron explicacións do mundo; e máis tarde alimentaron e seguen alimentando os soños e as manifestacións artísticas de todo tipo: pintura, escultura, música, teatro, cine, literatura...
Os nosos valerosos alumnos lanzáronse a interpretar varias destas historias e fixérono estupendamente. Poderedes ver as súas actuacións na nosa canle de YouTube e as fotos no álbum Picasa, pero como aperitivo ofrecemos este avance:


- A caixa de Pandora (3º ESO A):


 - Edipo e a Esfinxe (3º ESO B):
 

- Apolo e Dafne (dúas versións de 2º de Bacharelato B e C):



- O rei Midas (3º ESO C):


- Aracne (1º ESO B):


- Perseo ( 4º ESO C):


- Orfeo e Eurídice (1º Bacharelato B):











Día do libro: preparándonos...

Seguimos tomando prestadas as viñetas de Forges publicadas en El País para abrir boca e degustar o menú de mañá...


Día do Libro - Semana Literaria

Este ano quixemos adicarlle o Día Internacional do Libro á Poesía. Así, con maiúsculas. E que vós, coma sempre, fósedes os protagonistas. Nesta ocasión, ocurriusenos que a mellor maneira de achegármonos á poesía, ou de que ela se acheguara a nós, xa que é a gran esquecida moitas veces, era que as palabras deran paso ás imaxes e tamén á música, porque a poesía é algo tan grande que pode ser todo iso á vez.

E así foi: durante o Luns 23 e o martes 24 todos os alumnos do Centro pasastes pola nosa Biblioteca e lestes os poemas que máis vos inspiraron, acompañados moitas veces dunhas presentacións nas que ían aparecendo as imaxes que vos suxerían as palabras e cunha música de fondo que vós tamén escollestes. Foi unha estupenda experiencia, que estamos seguros que sorprendeu a máis de un e que nos descubriu o verdadeiro poder da palabra. Léronse poesías de Wystan Hugh Auden, William Wordsworth en inglés e Victor Hugo, Verlaine e Rimbaud en francés. Os alumnos de Latín leron nesa lingua algunhas fábulas e os de Bacharelato reproduciron na súa lingua orixinal a Fábula de Píramo e Tisbe. Pola súa banda os de Grego trouxeron ós nosos días a Safo e Alceo que se misturaron con Pedro Salinas, Bécquer, Lorca, Pablo Neruda, Vicente Aleixandre, Machado, Benedetti, Juan Ramón Jiménez, Pondal, Rosalía, Curros e moitos outros ós que os alumnos e algún que outro profesor lle puxeron voz durante estas xornadas.



E pouco a puco o Día do Libro convertéusenos en Semana Literaria, porque como compañeira perfecta destas lecturas puidemos disfrutar da charla que o profesor e poeta Yago Rodríguez Yáñez nos adicou acerca da poesía en xeral e da figura do poeta lugués Fiz Vergara Vilariño: a poeta e profesora Rosalía Fernández Rial recitou uns poemas dos seus libros En clave de sol e Átonos e puxo en escea un tableau que elaborou cos alumnos de 1º de ESO.



Como prato forte, o martes tivemos o inmenso placer e a fortuna de disfrutar dunha actuación especial de tres dos ex-membros do grupo de folk carballés Xocaloma, Dolores Platas, José Luis Díaz e Joaquina Ávila que se volveron xuntar nunha ocasión única para deleitarnos cun concerto no que musicaron poemas de Rosalía.



E por se isto fora pouco, o xoves 25 a poesía saiu da Biblio gracias a actividade programada polo Equipo de Normalización Lingüística e o departamento de Lingua Galega que levaron ós alumnos de 1º de BAC a percorrer a rota pondaliana polos arredores de Ponteceso en lembranza do poeta galego.

En fin, unha semana redonda chea de actividades, cada cal máis satisfactoria. Para que logo digan da poesía... e das bibliotecas.



Pouco a pouco ó longo da semana iremos colgando os vídeos das vosas intervencións na nosa canle de Youtube (tedes a ligazón á esquerda). Aí iredes saíndo todos, así que botádelle un vistazo de vez en cando. De momento deixámosvos cun vídeo que elaboraron Alba Cameán e Sebas Torres Gelardi (1º BAC A)

Día do libro

A verdade é que a lectura-dramatización de poesías feita por vós o día de hoxe foi moi emocionante no sentido literal do termo, e xa vos daremos cumprida crónica dela; pero non podemos pasar este día 23 sen facer algunha alusión á celebración e esta viñeta de Forges é moi locuaz:


Tampouco podemos esquecer que se lle deu o premio Cervantes ao poeta Nicanor Parra. Dámoslle os parabéns e deixamos aquí unha das súas poesías:

EPITAFIO

De estatura mediana,
Con una voz ni delgada ni gruesa,
Hijo mayor de profesor primario
Y de una modista de trastienda;
Flaco de nacimiento
Aunque devoto de la buena mesa;
De mejillas escuálidas
Y de más bien abundantes orejas;
Con un rostro cuadrado
En que los ojos se abren apenas
Y una nariz de boxeador mulato
Baja a la boca de ídolo azteca
-Todo esto bañado
Por una luz entre irónica y pérfida-
Ni muy listo ni tonto de remate
Fui lo que fui: una mezcla 
De vinagre y aceite de comer
¡Un embutido de ángel y bestia!

Actividades da Semana do Libro

Co gallo da celebración do Día do Libro, esta semana queremos realizar unha serie de actos desde a biblioteca.


O luns 23, durante toda a mañá faremos un recital de poesía na que participarán todos aqueles que teñen elixido un poema, e completarano cunha breve introdución sobre o autor e o seu significado. Máis abaixo podedes ver o horario no que baixará cada curso a ler.


E o martes tamén nos visitará o poeta Yago Rodríguez para lernos algún dos seus poemas.




Horario de lectura



Boas vacacións


Despedimos este curso agradecendo a vosa participación en todos os proxectos de Biblioteca Landra. Como diría unha canción sen vós non somos nada. Disfrutade dos longos días de lecer, de sol e mar e repoñede forzas para regresar ó ataque en setembro.
Quedade coas novas e nunca vistas versións de contos tradicionais, innovadas, iluminadas e corrixidas por vós mesmos.







Grazas por todo e ata pronto.

Galería Día do Libro


Esta é unha pequena mostra da actividade febril que houbo o Día do Libro na nosa biblioteca.


Día internacional do libro


Aínda que cadra un non lectivo non podemos esquecernos do día do libro . Xa o conmemoramos a semana anterior ás vacacións con diferentes actividades, referidas este ano aos contos tradicionais e as diferentes versións que fixestes sobre eles, e que publicaremos no blog ao seu debido tempo. De momento festexámolo coa viñeta de Forges e aproveitamos para recomendarvos estes días de lecer que leades, que leades de todo: libros novos, clásicos, xuvenís, periódicos, revistas… E en calquera formato: dixital ou papel, mecanografiados ou manuscritos, ebooks ou papiros; tanto ten. Leamos para medrar por dentro e para ser máis felices.

Cámbiache o conto

Érase unha vez... De seguro que os nosos primeiros recordos asociados a un libro teñen moito que ver con estas palabras lidas ou escoitadas cando eramos moi pequenos. Os contos clásicos causaron en nós os primeiros formigueos ante a emoción e marabilla da Literatura. Carrapuchiña, Pulgarcito, O gato con Botas, a Bela durminte e tantos outros fixéronnos compañía, seguramente moitas noites antes de durmir.

Por iso este ano, co gallo do Día Internacional do Libro, querémoslle facer unha homenaxe a estes contos clásicos e ós seus personaxes. A maioría son de orixe popular, pero coñecémolos nas versións que chegaron ata nós de mans fundamentalmente de Hans Christian Andersen, os Irmáns Grimm e Charles Perrault, os cales, e un tras outro, foron modificando a historia orixinal ata chegar á versión que máis ou menos coñecemos hoxe.

Durante toda esta semana poderedes ver polo instituto Ilustracións relativas ó tema e nas clases incluso poderedes traballar nalgunha actividade relacionada con mesmo. Desde a Biblio queremos darlle unha nova visión a todas estas historias que todos coñecemos, así que o que che propoñemos é que escollas un destes contos clásicos e fagas a túa versión do mesmo. Inventa o que ti queiras, modifica o final que tantas veces oíches e que todos sabemos de memoria e sorpréndenos cun novo desenlace. Aquí che deixamos a ligazón para que escollas un dos contos (ou máis de un, se queres) e nos deas a túa versión.

Non tes por que limitarte a estes que che deixamos, se prefires escoller outro, tamén podes facelo sen problema.

Podes entregar a túa versión coma sempre en man na Biblio, ou a través do noso formulario de contacto pinchando aquí.

Con todos os relatos elaboraremos o noso propio Libro de Contos e o venres 15 haberá unha pequena sorpresa para todos.

Anímate e participa porque se lle botas imaxinación... Cámbiache o conto



Fotografías de Eugenio Recuenco Vía Once upon a blog

LECTURA DO QUIJOTE NA BIBLIO

Na presentación seguinte podedes ver as fotos de moitos dos que lestes o día 23 de abril na biblio o Quijote, tamén están as dos colaboradores que nos axudaron a decorar o instituto esa semana. Todas as fotos que sacamos eses días están nun álbum de Picassa ó que podedes acceder desde o blog do instituto.

Día do Libro-Semana do Quijote

Como xa sabedes, o 23 de abril celebrouse o Día Internacional do Libro. A biblio quixo adicarlle o seu día ao Quijote, e con ese motivo se realizaron distintas actividades que se prolongaron durante toda a semana pasada e parte da presente.

Así, podedes ver por todo o Instituto unhas bonitas láminas que ilustran as distintas edicións do Quijote, un repaso ós principais ilustradores da mesma ó longo dos séculos, o Quijote en cómics... Tamén puidestes ver como se comía na época e algunhas das receitas que podemos elaborar hoxe en día basándonos nas que saen na novela, gracias ó traballo dos profes de CC.NN. e os seus alumnos; a vestimenta da época por se queríades ir á moda do século XVII, un divertido concurso de xustas medievais para descubrir ó mellor cabaleiro do Instituto que fixeron os profes de E.F.... En fin que houbo (e hai) para todos os gustos.

O remate final e a actividade principal do día 23 foi a lectura pública e continuada do Quijote. Comezamos ás nove da mañán co capítulo I e chegamos ata o XVI. Faltáronnos máis de 100 para rematar a obra, pero pasámolo moi ben, porque os máis ousados ata se ambientaron co yelmo do Quijote, a gorguera para o colo e ata houbo quen puxo o bigote, non sei se daliniano ou Cervantino, pero que lles quedaba que nin pintado.

E todo dentro dunha marabillosa ambientación ideada por Quico, o profe de Plástica e levada a cabo por el e os seus alumnos. Tan boa que xa pensamos en deixar a porta da Biblio como está agora...

Pouco a pouco iremos poñendo os vídeos e as fotos de todas as actividades, que hai tantas, que leva o seu tempo, non creades. De momento deixámosvos cun "póster"interactivo onde podedes atopar, se investigades nel, xa algunha cousa: algunhas fotiños, uns vídeos, incluso o primeiro capítulo do Quijote por se aínda quedastes con ganas. Se pinchades arriba, onde pon en "rosita" Glogster.com, se desplegará un menú para ver o póster en pantalla completa (View full size). Axiña, máis...


ir arriba