ÚLTIMAS ENTRADAS

O problema de xadrez de hoxe

Play online chess

SÍGUENOS

favoritos

Resultados Torneo de Xadrez 2013

Rematou o torneo de xadrez deste ano cunha grande participación e asistencia de público. As emocionantes finais resolvéronse co triunfo de Miguel Castro en Bacharelato e Gonzalo Rodríguez na ESO.



Deixámosvos unhas fotos do torneo:


E un vídeo da emocionante final entre Gonzalo e Sergio que decidiu o gañador na ESO:

 

Resultados M(a)icrorrelatos Terror 2013

Despois dunha máis que meritoria participación, incluindo a landras que xa non habitan entre nós pero que nos segen a ler e nos levan no corazón  desde a lonxana Castela, xa temos o relato final do concurso de  M(a)icrorrelatos de terror deste ano. Xa sabedes que este ano decidimos facer un relato grande en cadea coas aportacións dos participantes, e aínda que nalgúns casos a coherencia do mesmo se veu un pouco resentida (aínda que non tanto como a saúde da pobre Uxía, a protagonista, a quen mataron polo menos tres veces) o resultado quedou bastante aparente.

Como non tiñamos moi claro cal era o mellor para darlle o premio, decidimos sortealo, e o afortunado foi... FERNANDO SOUTO VARELA de 3º ESO C.



Tamén decidimos outorgar un premio ó fragmento máis orixinal que foi para MARIO LOUREIRO FACAL que fixo, coma sempre, gala da súa característica sorna.

Os demáis tamén levaron o seu premio por participar e nós tamén quedamos moi contentos de que estas iniciativas vos sigan animando a participar. A continuación tedes o relato no que cada participante está identificado cunha cor distinta, as cales podedes descifrar ó final do mesmo.

Orfos de Doris Lessing

Hoxe o mundo quedou un pouco máis desamparado porque onte produciuse o pasamento de Doris Lessing. A autora británica, galardoada co Premio Nobel de Literatura no ano 2007, de formación autodidacta, foi unha das escritoras máis comprometidas do seu tempo. Defensora dos dereitos das mulleres, a través das páxinas dos seus libros denunciou as desigualdades e inxustizas que protagonizaron a historia do século XX, as cales coñecía ben polos seus anos pasados en África. Entre a súa abundante obra literaria, destaca O caderno dourado ou a pentaloxía Fillos da violencia. Muller de firmes conviccións e forte carácter, chegou a rexeitar a medalla da Orde do Imperio Británico argumentando "¿Imperio? Pero se non existe ningún imperio..."

Miguelanxo Prado, Premio Nacional de Cómic 2013

Miguelanxo Prado é o primeiro galego en facerse co Premio Nacional de Cómic que concede o Ministerio de Cultura. O galardón outorgóuselle pola súa obra "Ardalén", que xa recibira o premio á mellor obra de autor español no Salón do Cómic de Barcelona.
Recomendámosvos a lectura desta magnífica obra de carácter poético, na que se mezclan soño e realidade, memoria e olvido. E na que destaca a delicadeza do seus debuxos e a mestría no uso da cor.

Pero tamén queremos recomerdarvos outras obras do autor que tedes dispoñibles na nosa biblioteca: "A mansión dos Pampín" que é unha visión humorística sobre a especulación inmobiliaria, "Trazo de tiza" que é a súa obra máis premiada ata o momento ou a película de animación "De Profundis" que el mesmo dirixiu, escribiu e debuxou, entre outras.




Mi(a)crorrelato de Terror

Xa está aquí o Samaín, que a algúns se lles da por chamar Halloween, coas súas pantasmas, espiritus que saen das tumbas, meigas e demáis seres do máis alá. E xunto con eles chega tamén o noso concurso de relatos

A diferencia de edicións anteriores, esta vez non vos propoñemos un concurso de microrrelatos, senón un relato único que poderedes ir completando en cadea. O principio da historia podédelo ver pinchando no seguinte enlace:



Se queredes participar, só tedes que continuar o relato publicando un comentario onde pon "Enter a comment" só debes seguir as seguintes normas:


-O número máximo de palabras que podes utilizar en cada continuación é de 100

-Podes participar cantas veces queiras, facendo as continuacións do relato que desexes, pero non podes facer dúas aportacións seguidas: polo medio ten que haber a de outro participante

-Deberás continuar no punto onde o deixou o participante anterior, de xeito que o relato sexa coherente.



HABERÁ PREMIOS PARA TODOS OS PARTICIPANTES E UN PREMIO ESPECIAL PARA O MELLOR!!!!

Torneo de xadrez 2013

Como todos os anos o 5 de novembro comeza o torneo de xadrez que organizamos en colaboración co Departamento de Matemáticas e Filosofía.


 Anímate a participar e apúntate canto antes nos formularios que están nas clases, na Biblioteca ou cubrindo os teus datos directamente aquí:



Tes de prazo para inscribirte ata o 30 de outubro.

Primeira entrada do curso ao grande: Alice Munro

Malia que hai xa case un mes que empezou o curso, parece que este ano andamos algo máis preguiceiros co blog, porque ainda non publicaramos nada, pero xa sabedes o que custa arrancar os motores cando levan unha tempada parados.

Aproveitamos agora que a ocasión o merece, xa que estes días vén de concedérselle o Premio Nobel de Literatura á escritora canadiense Alice Munro. Era unha habitual das quinielas todos os anos, pero xa se sabe que ós membros da academia sueca gústalles bastante xogar ó despiste e case nunca lle dan o premio ós "favoritos". Este ano parece que non foi así e puxeron a todo o mundo de acordo. Alice Munro é unha escritora universalmente recoñecida pola súa maestría en saber penetrar no máis profundo da alma humana a través de historias en apariencia sinxelas desenvolvidas en ambientes cotiáns, pero por debaixo de toda esa aparente calma desátanse as treboadas emocionais que a todos nos angustian.



E nós alegrámonos moito por ela, claro que si, porque é a decimoterceira muller en recibir o nobel de Literatura (meigas fóra) e porque ademáis é unha das grandes escritoras de contos, que é a base de toda a súa produción literaria e xa sabedes o que nos gustan aquí na Biblio os contos. Noraboa para Alice.

Entre medias tamén sucederon outras cousas algo menos alegres nestes días de principio de curso, como a morte do escritor colombiano Álvaro Mutis, que non quixemos reflectir aquí no seu día por non comezar o ano cunha noticia tan luctuosa. Malia que Mutis nunca recibiu o Nobel (pero si que era un dos grandes amigos doutro Nobel, o seu compatriota Gabriel García Márquez de quen, segundo se di era o privilexiado primeiro lector dos borradores das súas novelas) é un dos grandes da Literatura hispanoamericana e universal.



Pois iso, que imos arrancando pouco a pouco e a ver se o blog vai collendo velocidade de cruceiro porque, ademais este ano xa se ofreceron algunhas voluntarias para colaborar nel con algunha que outra entrada... e ata aquí podemos ler...

Deixámosvos cun poema lido de Álvaro Mutis:


ir arriba