O pasado venres día 20 celebramos a festa de graduación dos alumnos de 2º de Bacharelato. Este ano quixemos que fose algo especial xa que ademáis coincidía na semana do Día das Letras Galegas. Como conxugar nun mesmo acto os discursos cerimoniosos, a presencia ominosa dos pais, a morriña polas aulas e as vivencias que deixamos atrás, os nervos de estar ás portas da idade adulta... cos tacóns de 30 centímetros, os quilos de laca sobre as cabezas, as garavatas recén estreadas oprimindo os gañotes untados de clearasil... e a figura transgresora de Lois Pereiro...?
Difícil, si... pero nada imposible para Bibliotecalandra. A idea veunos á cabeza cando descobrimos que o propio Lois fora un dos tradutores para a TVG de Kung-Fu, serie de culto nos anos 70 (do pasado século). Nós, con todo o respecto e a admiración que sentimos por tan grande poeta, fixemos a nosa propia versión cuns protagonistas moi especiais, que nos trazan un debuxo do que puido ser a traxectoria escolar de calquera dos que estaba o outro día no acto, ata o punto de contarnos en primeira persoa "Ken Fun" durante os seus anos no Parga. Velaí vai o vídeo. En realidade son dous, ó final deste aparecerávos a ligazón á segunda parte.
Se queres gardar unha copia do vídeo completo, podédela DESCARGAR desde aquí (aprox. 260 MB). Se usas Firefox ou Google Chrome, tes que pinchar co botón dereito do rato e escoller "Gardar ligazón como..."
En realidade a idea non foi de todo orixinal nosa, senón que lla copiamos a un profe dos Escolapios da Coruña, amigo da biblio, que xa ten feito máis cousas destas, como podedes ver no seu blog.
E se aínda non tedes dabondo, nesta outra ligazón tedes algunhas FOTOS do acto, a previa e "o terceiro tempo"...
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario