ÚLTIMAS ENTRADAS

O problema de xadrez de hoxe

Play online chess

SÍGUENOS

favoritos

Día das Letras Galegas 2011


Somentes
intentaba conseguir
deixar na terra
algo de min que me sobrevivise
sabendo que debería ter sabido
impedirme a min mesmo
descubrir que só fun un interludio
atroz entre dous muros de silencio
só puiden evitar vivindo á sombra
inocularlle para sempre a quen amaba
doses letais do amor que envelenaba
a súa alma cunha dor eterna
sustituíndo o desexo polo exilio
iniciei a viaxe sen retorno
deixándome levar sen resistencia
ó fondo dunha interna
aniquilación chea de nostalxia.


Hoxe celebramos o Día das Letras Galegas e este ano está dedicado ó poeta monfortino Lois Pereiro. Os da biblio fixemos dous libros LIM para que poñas a proba os teus coñecementos sobre os escritores galegos e acerca do poeta do Grupo de Amor e Desamor.

Cuestionario sobre os escritorios homenaxeados nas Letras Galegas

Coñeces a obra do autor deste ano?

E unha imaxe alternativa

"Cuspídeme enriba cando pasedes por diante do lugar onde eu repouse, enviándome unha húmida mensaxe de vida e de furia necesaria"

Día de Europa

Hoxe é o día escollido para recordar a idea de Europa. Mitoloxicamente falando, Europa era unha raíña fenicia da cal se prendou Zeus e aproveitou a súa capacidade de metamorfosearse en touro para unirse a ela e enxendrar a Minos e Sarpedón. Pero Europa é algo moito máis complexo e rico; é unha noción xeográfica, política, económica, lingüística ...que bebe dunhas fontes comúns e non despreza novos manantiais. Coma sempre, recomendamos achegarse á biblioteca e coller os libros, os discos e as películas relacionados co tema (dun xeito ou outro, son moitísimos).

Reunión do Club de Lectura

O vindeiro venres 6 de maio ás 11.30 faremos unha reunión na que falaremos do libro que vamos ler este trimestre e outras cuestións que nos resulten de interese. Quedades invitados todos os grumetes.


E aquí tedes unha presentación sobre o libro e o seu autor:

Sábato


“O oficio de vivir é tan complicado que leva moito tempo aprendelo, e cando un empeza a saber algo, tócalle morrer”; isto pensaba o escritor arxentino que nos deixou o pasado sábado aos 99 anos. Era un dos Grandes, así, con maiúsculas. Non o encasillaremos en ningures, porque el mesmo definía a súa postura como escritor co símil dun guerrilleiro; tan só podemos darlle as grazas polos valiosísimos regalos que nos fixo: "El túnel", "Abaddón el exterminador" e "Sobre héroes y tumbas" co sobrecolledor “Informe sobre ciegos”(por certo, témolos á vosa disposición na biblioteca). O mundo queda un pouco máis confuso sen el, como cando se marchan os seres extraordinariamente lúcidos e brillantes, pero quédannos as súas poderosísimas palabras. Descansa na paz que tanto che custou atopar, Sábato.

Galería Día do Libro


Esta é unha pequena mostra da actividade febril que houbo o Día do Libro na nosa biblioteca.


Ana María Matute

Hoxe terá lugar a cerimonia de entrega do Premio Cervantes, o máis importante das letras hispánicas. Nesta edición a galardoada é Ana María Matute; é a terceira muller (as anteriores foron Zambrano e Dulce María Loynaz) á que se lle concede este premio instituido desde 1976.



Se pensades que a literatura fantástica se reduce a Tolkien, Harry Potter e vampiros namorados mansos coma años (e que asisten a un instituto diurno!), quizáis deberíades botarlle unha ollada a obras desta autora como Olvidado rey Gudú e Aranmanoth (os cales podedes atopar na biblioteca, por suposto) que son exemplos excelentes da mellor literatura de fantasía histórica.

Así que deámoslle os nosos parabéns a escritora iso sí, berrando todos moi forte porque ultimamente anda algo "teniente" e é que os 85 anos non perdoan, pero a cabeciña tena máis lúcida que moitos de nós. Deixámosvos cun vídeo para que fagades un primeiro achegamento e xa imos reservando os seus libros para os primeiros que os veñan buscar á biblio:

Día internacional do libro


Aínda que cadra un non lectivo non podemos esquecernos do día do libro . Xa o conmemoramos a semana anterior ás vacacións con diferentes actividades, referidas este ano aos contos tradicionais e as diferentes versións que fixestes sobre eles, e que publicaremos no blog ao seu debido tempo. De momento festexámolo coa viñeta de Forges e aproveitamos para recomendarvos estes días de lecer que leades, que leades de todo: libros novos, clásicos, xuvenís, periódicos, revistas… E en calquera formato: dixital ou papel, mecanografiados ou manuscritos, ebooks ou papiros; tanto ten. Leamos para medrar por dentro e para ser máis felices.
ir arriba